Castelán   Galego   Inglés

Bolsa de Traballo IGaFA - Instituto Galego de Formación en Acuicultura

Contacto

Bolsa de Traballo IGaFA - Instituto Galego de Formación en Acuicultura


Alta de empresa
(Política de privacidade de https://igafa.xunta.es)

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

Orde do 3 de febreiro de 2005 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal que conforma a bolsa de emprego de titulados do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e institutos marítimo-pesqueiros dependentes desta consellería.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento deste tipo de datos rexistrados en soporte físico, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, é obxecto desta regulación a garantía e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administración públicas só se poderá facer por medio dunha disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

A bolsa de emprego dos titulados do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, en diante Igafa, e institutos marítimo-pesqueiros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos créase coa finalidade de facilitar e axilizar o contacto entre os titulados destes centros de ensino e as empresas do sector, contribuíndo a dinamizar o mercado laboral nestes ámbitos profesionais (pesca, mergullo profesional e acuicultura), e a contratación de persoal cualificado.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.
Mediante esta orde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos crea os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal que conformarán a bolsa de emprego de titulados do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e institutos marítimo-pesqueiros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo se relaciona no anexo.

Artigo 2º.-Contido.
A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, se exixe para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta resolución.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.
Os datos de carácter persoal e profesional, rexistrados nos ficheiros automatizados da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, creados por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.
Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos na normativa vixente.

Artigo 5º.-Órganos responsables dos ficheiros.
Serán responsables dos ficheiros os órganos que figuran no anexo. Así mesmo, no citado anexo enuméranse as unidades ante as que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 6º.-Medidas de seguridade.
As medidas de seguridade dos ficheiros están especificadas no correspondente documento de seguridade en función do nivel en que estes se clasifiquen.
O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade, e os dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional
No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas terá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2005.
Enrique César López Veiga Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO
Ficheiro da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro
Nome do ficheiro: bolsa de emprego de titulados do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e institutos marítimo-pesqueiros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.
a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: bolsa de emprego que facilitará e axilizará o contacto entre titulados do Igafa e institutos marítimo-pesqueiros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e as empresas do sector, contribuíndo a axilizar o mercado laboral nestes sectores e a contratación de persoal cualificado.
b) Medidas de seguridade: o candidato poderá escoller entre os seguintes niveis de privacidade sobre os seus datos persoais:
a. Normal: todos os datos do titulado serán visibles para as empresas, tanto se é o primeiro o que se apunta ás súas ofertas coma se son as segundas as que visitan os currículos.
b. Máxima: terán acceso ao currículum vitae do titulado unicamente aquelas empresas a cuxas ofertas se teña subscrito, podendo ver todos os datos de contacto. Ningunha empresa verá o citado currículum se o titulado non se apunta á súa oferta.
A elección do nivel de privacidade poderá facerse efectiva mediante a propia configuración da páxina web da bolsa de emprego, e enténdese que se os candidatos envían os seus datos é que consenten para o tratamento destes, así como a súa cesión a terceiros, sempre de acordo co nivel de privacidade estipulado por eles mesmos.
c) Estrutura básica: base de datos.
-Datos de carácter identificativo dos titulados: nome e apelidos, enderezo (postal e electrónico), teléfono e fax.
-Datos de características persoais dos titulados: data e lugar de nacemento.
-Datos académicos e profesionais: titulación académica, idiomas, profesión, experiencia profesional.
-Datos de carácter identificativo das empresas: CIF, razón social, enderezo (postal e electrónico), teléfono, fax.
-Datos de emprego: posto de traballo ofertado (categoría profesional, departamento, empresa ou organismo).
d) Órgano responsable do ficheiro:
-Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.
-Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.
e) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que figuran no ficheiro poderán exercerse, de ser o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita na rúa dos Irmandiños, s/n- Salgueiriños, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).
f) Procedemento de recolla de datos: os titulados do Igafa e institutos marítimo-pesqueiros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos disporán de acceso á aplicación web da bolsa de emprego, e serán os responsables de cubrir a través dela a ficha co seu currículum vitae, rexistrando os datos especificados neste anexo. Por outra banda, tamén disporán de acceso as empresas que fagan ofertas de traballo a este tipo de titulados, e cubrirán unha ficha cos datos enumerados na alínea c).
g) Cesión de datos: non se prevé a súa cesión.
h) Persoas e/ou colectivos afectados: titulados do Igafa e institutos marítimo-pesqueiros dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e empresas que requiran os servizos deste tipo de titulados.